Saturday 11 de May de 2024

Feijóo reedita o compromiso da Xunta co sector marisqueiro que, a pesar da pandemia, facturou entre xullo e agosto un 10% máis con respecto á media dos últimos 10 anos


O titular da Xunta visitou a lonxa de Noia, co gallo do inicio da campaña marisqueira, acompañado pola conselleira do Mar e o alcalde de Noia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso do Goberno galego co sector marisqueiro, un sector estratéxico para Galicia, que, a pesar da pandemia, facturou un 10% máis con respecto á media acadada neste mesmo bimestre durante os últimos 10 anos. “Estamos, polo tanto, reactivando o sector”, dixo, recordando que o marisqueo en Galicia xera uns 8.000 empregos e factura case 90 millóns de euros.
Durante unha visita á lonxa de Noia, con motivo do inicio da campaña marisqueira 2020/2021, Feijóo resaltou, a modo de exemplo, as cifras da campaña 2019/2020 en Noia que se sitúa como a segunda mellor de toda a serie histórica en termos de descargas e a mellor en termos de facturación dos últimos 10 anos.
Logo de que o Goberno central incluíse o marisqueo entre as actividades esenciais durante o primeiro mes do estado de alarma, sufrindo caídas de vendas nos produtos de ata un 96% -ao pechar a hostalería-, o responsable do Goberno galego subliñou o compromiso da Administración autonómica co sector desde distintos eidos: achegando recomendacións para as persoas vulnerables, facendo un seguimento continuado dos prezos e da actividade; solicitando ao Ministerio que reconsiderase a decisión de que o marisqueo fose un sector esencial ou repartindo 50.000 unidades de protección e máscaras para uso dos profesionais.
“E puxémonos en marcha en Madrid e en Bruxelas para que a Unión Europea modificase o regulamento do Fondo Marítimo de Pesca”, engadiu, subliñando que todo isto fixo posible a posta en marcha do Plan Avantemar, deseñado para reactivar o complexo mar-industria tras a pandemia, a través de axudas por valor de máis de 5 millóns de euros. Lonxa do Testal
Así mesmo, e no que atinxe a Noia, referiuse á renovación das instalacións da lonxa do Testal; ao proxecto EcoNoia para apoiar a competitividade da actividade de marisqueo; e á aposta polo selo Berberecho de Noia que, transcorridos dous anos desde a súa implantación, xa son preto de 40 as firmas que venden berberecho etiquetado con esta denominación de calidade.
Nesta mesma liña, Feijóo concluíu destacando ademais as obras de humanización do bordo portuario de Porto do Son, co obxectivo de abrir o municipio ao mar, creando amplas zonas para o desfrute da veciñanza.
Futuro da campaña
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Santiago Freire, puxo en valor o esforzo na aplicación dos protocolos na loita contra a Covid-19 no sector, “con colas separadas para o proceso de clasificación e poxa. Entendemos que se están facendo nunhas condicións moi axeitadas, dadas as circunstancias e esperamos que a campaña discorra con normalidade e que acade, cando menos, facturacións similares a exercicios anteriores”. Freire Abeijón lembrou que “estamos ante unha actividade que supón un motor económico para Noia, para a ría de Muros-Noia, para toda a comarca”.
Así mesmo, o alcalde noiés agradeceulle ao presidente e á conselleira do Mar “o compromiso inversor na remodelación da lonxa do Testal para que estas instalacións sexan xa unha realidade. Se fixo contrarreloxo para poder estar rematadas ao inicio da campaña. Quedan só pequenos detalles que se rematarán ao longo das próximas semanas e vai supoñer unha mellora significativa nas condicións de impermeabilización e illamento do inmoble, das condicións de limpeza e desinfección da propia instalación, tamén na mellora das condicións de evacuación e xestión dos espazos dentro da mesma lonxa. Cun investimento de case 600.000 euros creo que podemos estar orgullosos e agradecidos á Xunta de Galicia”.
Finalmente, o patrón maior de Noia, Santiago Cruz, agradeceulle tamén a Feijoo e Quintana o investimento realizado “xa que nos facilitará o labor no desenvolvemento da campaña e na xestión dende a confraría. Agora o que pido é que pola tarde, na subasta, haxa bos prezos para os mariscadores e mariscadoras e que nos deixen desenvolver con normalidade a campaña marisqueira tanto a Covid como a toxina”.